Wednesday 01 de May de 2024

A fada Rouriz amadriña a campaña de Nadal do comercio local no Concello de Ponteceso


 A feiticeira do Poema 26 de Eduardo Pondal achegará premios para as persoas que merquen nos locais nesta campaña de Nadal

A fada Rouriz de Eduardo Pondal amadriña o Nadal no comercio local do Concello de Ponteceso. A protagonista do Poema 26 do escritor pontecesán é o personaxe elixido para dar concreción nesta campaña de Nadal á iniciativa ‘As fadas de Pondal voando libres polo comercio local’. Trátase dunha proposta permanente coa que o executivo de Ponteceso pretende dotar de personalidade aos máis de 50 establecementos económicos do municipio e potenciar o desenvolvemento económico.

A feiticeira chegará ao pequeno comercio con boletos de ‘rasca e gaña’ para fomentar o consumo na localidade nestes días previos á Noiteboa. Os locais regalarán aos seus clientes boletos coas compras. Uns boletos que, despois de rascar, poderán conter diferentes premios como camisetas, bolsos de tea ou libretas decorados coas fadas de Pondal. A maiores, os clientes con boletos non premiados entrarán igualmente nun sorteo para gañar suadoiros.

Deste xeito, a fada Rouriz achegará agasallos para os consumidores de produto local nesta primeira campaña que busca que as compras de Nadal queden en Ponteceso. “Non é preciso acudir ás plataformas online ou ás grandes superficies para mercar agasallos. En Ponteceso dispoñemos dunha grande variedade de comercios con oferta de todo tipo e de alta calidade, coa garantía da proximidade. E ademais, agora, mercar no concello ten premio”, sinala o alcalde, José Manuel Mato.